A Coutada 7, Cumiar, Ponteareas,

36893 Pontevedra

(+34) 986 65 43 38 

ola@eidodorei.com

Persoeiros

Concepción Arenal

(Ferrol, 31 de xaneiro de 1820 – Vigo, 4 de febreiro de 1893) foi unha experta en dereito, pensadora, xornalista, poeta e autora dramática española enmarcada no realismo literario e pioneira do feminismo español. Considerada a precursora do Traballo Social en España. Pertenceu á Sociedade de San Vicente de Paul, colaborando activamente desde 1859. A través das súas publicacións defendeu o traballo que realizan as comunidades relixiosas en España. Colaborou no Boletín da Institución Libre de Enseñanza. Ao longo da súa vida e obra denunciou a situación dos cárceres de homes e mulleres, a miseria nas residencias de anciáns ou a mendicidade e a condición da muller no século XIX, na liña das sufraxistas do século XIX, e as precursoras do feminismo.

Rosalía de Castro

(Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1837-Padrón, 15 de xullo de 1885) Representa xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. O seu poemario Cantares gallegos, publicado en 1863, considérase a primeira gran obra da literatura galega contemporánea. Anos despois vería a luz Follas novas. En ambas as dúas denuncia as inxustizas que sufría o pobo, abocado á emigración; reivindica o papel das mulleres escritoras; enxalza a paisaxe galega, as nosas xentes, o noso idioma. É a voz dos máis humildes.

Reveriano Soutullo

(Ponteareas, 11 de xullo de 1880 – Madrid, 29 de outubro de 1932). Compositor de zarzuelas e pasodobres. O seu pai dirixía a banda de Redondela, polo que tivo a música preto del dende pequeno. Con 19 anos foi estudar ao conservatorio de Madrid ,á vez que gañaba a vida tocando a corneta. Estudou harmonía e composición durante tres anos, materia na que lle concederon o premio extraordinario. No conservatorio da capital foi profesor de Arín e Fontanilla. Entre 1906 e 1907 regresa a Vigo, onde obtivo unha bolsa para estudar música no estranxeiro. Grazas a iso entrou en contacto con músicos italianos e alemáns; pero os músicos que máis o marcaron foron Debussy e Ravel. Xunto con Juan Bautista Vert compuxo importantes zarzuelas como La leyenda del beso ou La del soto del parral. O seu coñecido “Pasodoble Puenteareas” foi adoptado pola súa vila natal como himno propio

Rogelio Groba

Nado na parroquia de Guláns en 1930. Estudou solfexo e aprendeu a tocar varios instrumentos dende moi novo na Banda de Música A Unión de Guláns, da que foi director aos 17 anos de idade. Continúa os estudos en Vigo e pouco despois no Conservatorio Superior de Madrid. Obtén as máximas cualificacións en distintas especialidades e distincións en diferentes concursos. Ingresa como director no Corpo Nacional de Directores de Música de Bandas Municipais. Faise cargo das Bandas Municipais da Estrada, Tui, Ponteareas e da Banda Municipal de Pedro Muñoz, en Ciudad Real, ao tempo que dirixe o Coro Rosalía de Castro do Centro Galego de Madrid. A súa busca permanente de elementos musicais innovadores lévao aos seus 32 anos a Suíza. Alí dirixe varias agrupacións. No ano 1967 deixa as terras helvéticas para ocuparse da Banda Municipal da Coruña e mais do Coro Follas Novas mentres imparte clase no Conservatorio da mesma cidade, e do que anos despois sería director. Impulsa a que hoxe en día é a Orquestra Sinfónica de Galicia. Inicia un proxecto pedagóxico de aprendizaxe musical baseado no noso patrimonio etnográfico. Estrea a primeira cantata galega, Nova Galicia, que marca a consecución dun estilo de seu e o renacemento da nosa música. Entre os premios que posúe destaca a Medalla Castelao que a Xunta de Galicia lle outorgou polo seu labor a prol da cultura galega ou o Premio da Cultura Galega no 2011. Traballador incansable, compositor de innumerables e inesquecibles obras de diversos estilos, tanto instrumentais coma vocais, o mestre Groba é un dos principais referentes musicais do país.

Afonso Daniel R. Castelao

(Rianxo, 29 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950). Afonso Daniel Rodríguez Castelao foi narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico e político. Castelao, considerado un dos pais do nacionalismo galego, convertiríase na figura máis importante da cultura galega do século XX. Foi deputado nas Cortes da II República e despois da Guerra Civil Española (1936-1939) formou parte do goberno republicano no exilio. Defendeu un proxecto de estatuto de autonomía de Galicia, ao abeiro dunha proposta federal e multinacional ibérica na que Galicia, Euskadi e Cataluña eran recoñecidas como nacións. Sempre en Galiza é a obra que contén o seu ideario político. Salientan os seus títulos literarios Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Cousas, Retrincos, Memorias dun esquelete… En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra como Ben Inmaterial de Interese Cultural.​